Adopción >> Historia Detalles

A historia de Ánxela e Mara

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra recolleu dúas crías de cadela abandonadas nun colector do lixo en Cuntis con apenas dous días de vida e sen alimentar. Foi o persoal de limpeza do citado Concello quen encontrou os animais en condicións críticas cando realizaba o seu servizo e lle deu aviso a Protección Civil de Cuntis, que trasladou as cadeliñas á súa base, onde foron recollidas polo persoal do CAAN.

As crías, de cor negra e mestizas, que foron bautizadas no centro como Ánxela e Mara, recupéranse agora coa axuda de Rula, outra cadela do centro que as adoptou e que as está a aleitar. O persoal do CAAN destacou que Rula está a aceptar moi ben as pequenas crías, que van evolucionando favorablemente, aínda que son moi débiles debido a que non se alimentaran desde o seu nacemento. Desde o centro da Armenteira destacan que o aleitado é a mellor forma de cría para estes primeiros momentos, aínda que se os cachorros non gañan peso complementarase a alimentación con biberóns. Se a recuperación vai adiante, o CAAN esperará a que cumpran 45 días para vacinalas e poder logo ofrecelas en adopción.