Cans clasificados como potencialmente perigosos

Que debo facer se quero ter un can clasificado como potencialmente perigoso?

Non pode ter un can potencialmente perigoso ningunha persoa menor de 18 anos, que estea incapacitada ou sexa dependente e tampouco aquelas  persoas con determinados antecedentes penais ou con sancións por infraccións en materia de tenza de animais potencialmente perigosos.

Se cumpres estes requisitos os pasos para seguir son os seguintes:

1. Facer un seguro de responsabilidade civil polos danos a terceiras persoas que poida ocasionar o can, cunha cobertura mínima de 125.000 €. Para tramitalo pediranche os datos do can (chip, raza etc.).

2. Obter a licenza no Concello. Podes utilizar a instancia que che proporcionará a veterinaria ou o veterinario do CAAN para facilitarche os trámites, pois nela están incluídos todos os datos esixidos polo Concello, ou algunha similar. Hai concellos que teñen a súa propia.

Xunto coa solicitude da licenza tes que levar a seguinte documentación:

  • Certificado médico psicotécnico de aptitude para a tenza de cans potencialmente perigosos. Este documento pódelo obter nun centro médico homologado e autorizado, especializado en revisións psicolóxicas e médicas para a expedición de toda clase de permisos do teu contorno ou cidade. Probablemente teñas que levar unha ou dúas fotos actuais tamaño carné e o DNI e pagar as taxas correspondentes. Se te consideran unha persoa apta o certificado entrégase habitualmente no acto
  • Fotocopia compulsada do DNI
  • Autorización ao Concello para a solicitude dos antecedentes penais
  • Certificado de ausencia de sancións, que se solicitará na Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
  • Acreditación da formalización do seguro de responsabilidade civil (extracto da póliza e recibo de pagamento)

3. Vir ao CAAN coa licenza para recoller o teu can. Aquí implantarémoslle o chip de forma gratuíta e darémolo de alta no REGIAC. Tamén che entregaremos a cartilla sanitaria actualizada coas vacinas e as desparasitacións correspondentes.

4. Dar de alta o can no concello onde vaia vivir habitualmente antes de que pasen 15 días desde que o adquiriches. Podes presentar, do mesmo xeito, a instancia que a veterinaria ou  veterinario do CAAN che proporcionará no centro ou un modelo similar. Algúns concellos poden ter a súa propia.

A documentación que se debe achegar habitualmente coa solicitude é a seguinte:

  1. Documento acreditativo da implantación do chip e da alta no REGIAC
  2. Cartilla de vacinación
  3. Seguro de responsabilidade civil (extracto da póliza e recibo de pagamento)

Pódenche pedir unha fotocopia destes documentos e o orixinal para compulsar as copias.

  • Da cartilla, a fotocopia debe incluír os datos da persoa propietaria, os do animal e a folla coas vacinas que se lle administraron ao can.
  • Do seguro, habería que facer unha fotocopia do extracto da póliza e do recibo de pagamento en vigor.

Así xa terías o teu can correctamente rexistrado ao teu nome. A partir de entón só debes lembrar renovar a licenza cada 5 anos.

A persoa que figura como propietaria do can debe posuír a licenza para a tenza de animais perigosos, pero cómpre que toda persoa que vaia pasear ou conducir o can pola vía pública dispoña tamén desta licenza.