Adopción >> Historia Detalles

A historia de Lara e os seus 7 cachorros

Lara e os seus sete cachorros xa están a salvo no Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación de Pontevedra. A cadela, abandonada coas súas crías nunha zona de escombros no concello de Crecente, foi rescatada xunto a súa camada polo persoal do CAAN despois de varios días de traballo e paciencia, xa que estaba nunha zona practicamente inaccesible.

Lara non tiña posibilidade de acceder a auga e comida para poder aleitar os seus cachorros, polo que corrían risco de falecer. O persoal do CAAN tivo que desprazarse en máis dunha ocasión ao lugar, xa que de primeiras non se puido recoller á nai dada a dificultade de acceso á zona e a que a cadela se mostraba agresiva. Finalmente, grazas a que se fixeron tarefas para retirar os escombros, puideron rescatar os animais, que agora se recuperan no centro da Armenteira. Tanto os cachorros, catro femias e tres machos, coma a nai están en relativo bo estado a pesar das circunstancias.

A cadela foi bautizada polo persoal do centro como Lara e os cachorros son Pipa, Pina, Piña e Fina (as femias) e Fino, Fin e Finón (os machos).