Adopción >> Historia Detalles

A historia de Pipa e Comba

Pipa e Comba entraron no Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación de Pontevedra en estado grave tras ser atopadas en difíciles circunstancias e con lesións polas que tiveron que ser sometidas a operacións cirúrxicas de urxencia no propio CAAN. Pero hoxe, "Pipa" e "Comba" están xa plenamente recuperadas e agardan agora a súa adopción para poñer un final feliz á súa historia.

A primeira delas, "Pipa", é unha cadeliña que foi recollida en Lalín polo persoal do CAAN tan só un día antes da entrada en vigor do estado de alarma, o 13 de marzo, tralo aviso do Concello. Esta cachorra, que tiña entón só tres meses de idade, presentaba graves lesións consecuencia dun atropelo, en concreto unha fractura con desprazamento do fémur esquerdo e fractura sen desprazamento do cúbito e o radio esquerdo. Da primeira destas lesións foi operada no centro de Meis por un traumatólogo, mentres que da segunda evolucionou favorablemente sen necesidade de cirurxía. Trala súa recuperación, "Pipa" está lista para ser dada en adopción, algo que se espera para os vindeiros días despois de que se restablecese este servizo trala entrada da provincia na fase 1 da desescalada e que xa haxa interese por darlle un novo fogar.

O caso de "Comba" foi aínda máis grave. Esta cadela de oito anos de idade fora atopada polo persoal de conservación de autoestradas nunha beiravía da autovía do Salnés en pleno estado de alarma, o 3 de abril. Ademais de sarna, presentaba un tumor xa ulcerado nunha das súas patas, na que tamén tiña fractura de cúbito e radio, e anemia. Na cirurxía que lle foi practicada nas instalacións do CAAN houbo que amputarlle esta pata e comprobouse con radiografías que non tiña metástase noutros órganos. Tanto desta operación, como da sarna e a anemia a cadela recuperouse con éxito neste último mes e tamén está lista para saír en adopción.