Adopción >> Historia Detalles

A historia de Eko e Mía

A historia de Eko e Mía

Inmaculada Fernández e Alba Rodríguez son dúas das máis de 200 persoas da comunidade que neste 2021 apostaron por levarse ao seu fogar animais do CAAN da Deputación de Pontevedra. A primeira, residente en Vigo, adoptou a "Mía" o pasado 12 de abril, mentres que Alba, que vive en Ribeira, levouse consigo a "Eko" o 18 de maio. A pesares do curto período de tempo transcorrido, ambas coinciden en que xa son inseparables dos seus novos compañeiros de vida e así o manifestaron nas mensaxes de agradecemento e recoñecemento que enviaron ao CAAN, nas que contan a nova andaina destes animais.

Alba escribiu para falar do ben que se está a adaptar "Eko". Conta que xa tiña unha cadela adoptada, "Inca", e foi precisamente ela a que "elixiu" ao seu novo compañeiro de xogos cando Alba e ela visitaron o centro da Deputación, cuxa referencia chegoulle a través das redes sociais. "Estaba tranquilamente tombado no canil e comprobamos que á nosa cadela era o que máis lle gustaba –conta a ribeirense-. Así que decidimos que ía ser el". Esperaron unha semana xa que acababa de ser esterilizado e Alba sinala que o proceso produciulle á vez "felicidade e tristeza": "felicidade porque tiña a oportunidade  de sumar un membro á familia e tristeza porque todos e todas se merecen un fogar onde os queiran e os coiden para sempre".  Engade que "Eko" acostumouse ao seu novo fogar enseguida: "Adaptouse perfectamente, amosaba cercanía e moi bo carácter –explica-. A miña parella e máis eu estamos encantados coa decisión que tomamos e de telo con nós. En realidade, rescatar a un ‘peludo' é facer un rescate mutuo e coidar a quen te coida debería ser un mandamento. Eles che van coidar incluso mellor que ti a eles".

Alba recomenda plenamente a adopción e, amais de sinalar que os trámites no CAAN son moi sinxelos e os animais saen esterilizados e vacinados, comenta que adoptar un can ou cadela adultos "é unha experiencia moito máis agradecida e enriquecedora que facelo cun cachorro. Os animais de máis idade teñen coñecido o abandono e seguramente haxan vivido experiencias de malos tratos e lles custe poder confiar nas persoas de novo". "Adoptar é unha grande responsabilidade, pero paga a pena, os animais agradéceno diariamente e acaban sendo un complemento imprescindible da nosa felicidade –apunta-. E creo que a forma máis adecuada de facelo é a través dunha protectora ou centro e elixíndoo polo carácter que creas que máis te complemente".

Para Inmaculada Fernández, de Vigo, a de "Mía" é a súa primeira adopción. Foi escribir en Internet "adoptar un can" e saíulle a referencia do CAAN, de xeito que tras revisar a súa web tiña en mente levarse un animal que non era "Coca", pero todo cambiou en canto a tivo entre as súas mans. "Eu quería un can pequeno, tamaño gato, porque precisamente teño gato –sinala-, e na foto da web parecíame que tiña cara de mala leite. Pero cando ma trouxeron, dixen ‘é Mía'. Era pequena, preciosa, e estaba moi asustadiña. É realmente un amor. Nunca coñecera a unha cadeliña tan boa e agarimosa. Estou moi satisfeita de dar o paso da adopción e se puidera levaríame algún máis do centro".

A cadela ten cinco anos de idade, porque Inmaculada tamén tiña claro que quería un animal adulto. "Quería unha avoa, porque os adultos teñen máis difícil a adopción –indicou- e por iso quería sacar do centro a un can ou cadela maior". Nunha mensaxe remitida ao CAAN, Inmaculada conta que aínda que "Mía" ten algo de medo, especialmente cando camiña pola cidade, está a adaptarse moi ben "e está moi feliz en contenta, sobre todo cando a levamos a pasear polo campo". "Pero na cidade, cando por exemplo pasamos diante dunha terraza dunha cafetería, quédase petrificada no chan –engade-. Ten medo sobre todo aos homes adultos pero espero que vaia recuperándose e en tan só mes e medio os avances son moitos". Inmaculada tamén amosa o seu recoñecemento á labor desenvolvida desde o centro, e destaca o feito de que "o animal chega desparasitado, esterilizado e vacinado". "Ogallá máis xente se anime a adoptar en lugar de mercar unha mascota –conclúe-. Hai moitos animais esperando a que alguén lles queira"