Adopción >> Historia Detalles

A campaña de concienciación contra o maltrato dos animais estenderase ós 2.200 nenos dos campamentos da Lanzada

A campaña de concienciación contra o maltrato dos animais estenderase ós 2.200 nenos dos campamentos da Lanzada

A campaña de concienciación contra o maltrato dos animais e a prol dunha tenza responsable dos animais domésticos chegará nos meses de xuño a setembro ós 2.200 nenos que participarán nos campamentos da Lanzada. Súmanse así ós máis de 2.000 alumnos de 3 a 12 anos que desde o 7 de marzo e ata finais de curso participan nestas actividades, promovidas pola Deputación de Pontevedra a través do Centro de Acollida de Animais (CAAN) da Armenteira.

A finais de maio foron os alumnos de Infantil e Primaria do colexio A Xunqueira II de Pontevedra os que recibiron a visita dos veterinarios do CAAN e de membros das protectoras Peludos sen Fogar e Adopcións Galicia, que colaboran co programa.

Nestas visitas os máis pequenos sensibilízanse sobre as necesidades e os sentimentos dos animais, e aprenden, de forma divertida e participativa, a importancia e os beneficios da identificación dos animais domésticos así como os coidados que precisan; coñecen, ademais, o problema do seu abandono e as posibilidades de adopción en centros coma o da Armenteira.

Un dos obxectivos centrais da campaña é concienciar os máis pequenos da necesidade de respectar os animais e o medio ambiente para que exerzan de mestres de boas prácticas no seu contorno e, sobre todo, para que sexan adultos responsables. Porque o problema dos animais abandonados hai que atallalo desde a base, promovendo actitudes de respecto e concienciando a poboación contra este tipo de maltrato.

A campaña desenvólvese por medio de catro unidades didácticas adaptadas ós diferentes grupos de idade (de 3 a 6 anos, de 6 a 8 anos, de 8 a 10 anos e de 10 a 12 anos).

O obxectivo da Deputación é chegar a uns 5.000 cativos de aquí a setembro, completando así a campaña iniciada o pasado ano, na que se distribuíron dípticos e carteis informativos por todos os concellos da provincia.

375 adopcións

Estas campañas permitiron incrementar o ritmo das adopcións no Centro da Armenteira, de forma que a día de hoxe son 375 os cans que atoparon un novo fogar.

Desde a súa entrada en funcionamento fai un ano, o Centro realizou 2.100 intervencións. O concello que máis actuacións demandou foi o de Meis, con 159 intervencións, motivadas en boa medida polos moitos abandonos que se realizan nas inmediacións das instalacións do Centro. Gondomar é o segundo concello en número de intervencións do CAAN, con 140,  e Vilanova de Arousa é o terceiro, con 138.

p