Adopción >> Historia Detalles

O centro de acollida de animais da Armenteira logra a recuperación total de Covelo, un can cun gravísimo cadro de envelenamento

O animal foi atopado por axentes de Medio Ambiente, xunto a outros dous ós que foi imposible salvarlles a vida

26 de xuño de 2014

O Centro de Acollida de Animais Abandonados da Armenteira, dependente da Deputación de Pontevedra, logrou, unha vez máis, salvar a vida dun can vítima dun envelenamento.

Os responsables do CAAN foron alertados polos axentes de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, que demandaron os servizos deste centro para tratar de recuperar a Covelo, atopado no concello do mesmo nome cun gravísimo cadro clínico por inxestión de veleno e que apareceu xunto a outros dous animais polos que non se puido facer nada porque xa faleceran no momento de ser atopados.

Os efectos do tóxico consumido por Covelo fixo que o traballo dos veterinarios do CAAN tivese que ser moi intenso e prolongado no tempo, dado que se requiriu de practicamente tres meses para acadar a súa total recuperación.

O can foi rescatado o 3 de abril no lugar da Hermida, no concello de Covelo. A rápida intervención dos axentes de Medio Ambiente da Xunta, que notificaron con urxencia a presenza do animal aínda vivo e pediron o apoio especializado do Centro de Acollida de Animais, permitiu a salvación deste mestizo de cor atigrada branca, de pouco máis dun ano.

Os veterinarios déronlle as primeiras atencións no mesmo lugar do envelenamento e posteriormente continuaron co tratamento no propio centro de acollida, logrando finalmente, e pese a gravidade do cadro clínico do animal, salvarlle a vida.

Grave risco

Os responsables do CAAN alertan da gravidade da colocación de velenos, o que, ademais de ser un delito tipificado no código penal, pode ter gravísimas consecuencias non só para os animais senón incluso para as persoas.

Malia que os cans, especialmente os abandonados, son a principal vítima deste tipo de substancias, que habitualmente son enmascaradas entre carne ou restos de comida, poden afectar a calquera especie animal e incluso a nenos e maiores, dado que moitos velenos se absorben simplemente polo contacto coa pel.

Concienciación

Mentres Covelo agarda por unha familia que o adopte e lle dea o cariño que precisa, e para evitar que se repita o seu caso, desde o CAAN continúan coas campañas de concienciación contra o maltrato de animais e a prol das adopcións.

Así, mañá serán os nenos que participan nos campamentos da Lanzada os que teñan ocasión de coñecer, da man dos veterinarios do centro da Armenteira, todo o que implica ter unha mascota.

Desde as 10 da mañá e durante algo máis dunha hora os máis pequenos coñecerán as necesidades e sentimentos dos animais e aprenderán, de forma divertida e participativa, a importancia e os beneficios da identificación dos animais domésticos así como os coidados que precisan, ademais de coñecer o problema do abandono de animais e as posibilidades de adopción en centros coma o da Armenteira.

Un dos obxectivos centrais da campaña é concienciar os máis pequenos da necesidade de respectar os animais e o medio natural para que exerzan de mestres de boas prácticas na súa contorna e, sobre todo, que sexan adultos responsables. Porque o problema dos animais abandonados hai que atallalo na base: promovendo actitudes de respecto e concienciando a poboación contra este tipo de maltrato.