Adopción >> Historia Detalles

Roble e Arón, a cara e a cruz do abandono dos animais

O CAAN facilitou xa o reencontro de 200 animais perdidos cos seus propietarios

22 de agosto de 2014

O Centro de Acollida de Animais Abandonados da Armenteira, dependente da Deputación, traballa nunha nova campaña de concienciación para promover a tenza responsable dos animais e evitar situacións de crueldade coma as que nas últimas semanas levaron ó centro a animais coma Arón.

Trátase dun can abandonado en Marín, rescatado polos responsables do centro nun estado gravísimo, que é a cruz dun traballo que tamén ten a súa cara positiva, coma a de Roble (ou Tiburcio, como o rebautizaron no CAAN).

Roble chegou ó centro de acollida despois de ser rescatado das rúas de Mos, polas que vagaba desorientado e co risco de sufrir un atropelo ou enfermar pola falta de comida e coidados. Pero Roble non estaba só. Os seus propietarios, unha parella de Gondomar, lonxe de abandonalo, pasaron semanas buscándoo ata que, o 14 de agosto, puideron reencontrarse con el no CAAN.

Coma a eles, o Centro de Acollida facilitoulles a outros 200 propietarios o reencontro coas súas mascotas perdidas, pero non abandonadas nin esquecidas.

Abandonado a unha morte segura

Moi distinta sorte correu Arón, rescatado na madrugada do 3 de agosto nun acantilado xunto ó paseo da Salina, en Marín.

Alí foi abandonado polos seus propietarios á sorte das mareas, nun balcón orixinado no propio acantilado. O animal estaba atado cunha corda duns tres metros xunto a dous comedeiros –un con auga e outro con restos de comida–, que non o librarían do que seguramente pretendían os autores do abandono, que as mareas acabasen por afogalo.

A súa presenza foi denunciada por uns particulares ó 112, e os operarios de Protección Civil puxeron o feito en coñecemento do CAAN, que precisou da colaboración dos servizos de Protección Civil dos concellos de Marín e de Moaña, que achegaron unhas cordas e unha escada para poder rescatalo.

Arón foi hospitalizado durante 14 días, nos que recibiu tratamento veterinario para unhas doenzas das que, malia todos os esforzos, foi imposible recuperalo.

Arón padecía, segundo amosaron as análises que se lle practicaron no CAAN, serios problemas de saúde, e finalmente faleceu a causa dunha recaída da enfermidade do fígado que padecía.

25 denuncias tramitadas

O de Arón é tan só un dos múltiples casos que cada día chegan ó CAAN e que mostran a persistencia dunha conduta cruel cos animais por parte de moitas persoas.

Para tratar de freala o CAAN denuncia sempre os casos de maltrato que detecta; aínda que en moitos casos é imposible que haxa unha condena por falta de probas ou imputados, noutros casos si se consegue.

Nos seus 16 meses de funcionamento o centro tramitou 25 denuncias despois de identificar o autor do maltrato ou do abandono.