Adopción >> Historia Detalles

Un anxo da garda para Ángel

A historia dun can que non só recuperou a saúde senón un novo fogar e unha nova vida a través do CAAN

7 de outubro de 2014

Ángel é un dos moitos cans que cada día chegan ó Centro de Acollida de Animais Abandonados da Armenteira, dependente da Deputación de Pontevedra, pero o seu caso é toda unha historia de sensibilidade e de afectos.

Chegou ó CAAN o 2 de agosto da man dun particular que o atopou nun polígono do concello de Sanxenxo nun estado lamentable e que pensou que no centro da Armenteira quizais puidesen facer algo pola súa recuperación.

Sarna, cegueira, articulacións inflamadas ou fame non facían albergar demasiadas esperanzas de futuro.

Cando chegou ó centro case non tiña pelo; a súa pel estaba en moi mal estado, chea de cotras debido á sarna xeneralizada que padecía. Apenas andaba, tiña todas as articulacións inflamadas e non podía ver, non só polas cataratas que padece debido á súa avanzada idade senón polas úlceras corneais que presentaba nos dous ollos.

Os primeiros días a súa evolución non foi favorable, non comía e mesmo chegou a padecer un proceso respiratorio. Parecía que cada día se apagaba un pouquiño máis, pero os veterinarios puxeron todo o seu empeño en sacalo adiante.

Cor canela

Tamén fóra do CAAN alguén seguía a preocuparse por el. O seu rescatador chamaba a miúdo para interesarse polo seu estado e, aínda que nos primeiros días as noticias non eran moi esperanzadoras, pouco a pouco os esforzos e a perseveranza do persoal do centro e o carácter loitador de Ángel foron dando os seus resultados.

Ángel comezou a comer e a responder ben ó tratamento. Cada semana a melloría era moi evidente e, por fin, o pelo comezou a agromar e púidose comprobar que era de cor canela.

Foi neste momento cando Ángel Manuel Fontán, o particular que o recollera en Sanxenxo e que nunca deixou de interesarse por el, decidiu adoptalo e darlle uns últimos anos de vida dignos e felices.

Ángel atópase agora no seu novo fogar co anxo da garda que non só lle deu a oportunidade de recuperarse senón que decidiu ser o seu protector e compañeiro na recta final da súa vida.

Campañas de sensibilización

Esta é unha das moitas historias con final feliz que semana a semana se viven no CAAN, historias nas que a sensibilidade e o altruísmo dunhas persoas tratan de compensar e remediar a irresponsabilidade doutras.

Por iso a Deputación de Pontevedra está a traballar no deseño e preparación dunha segunda campaña de concienciación e sensibilización social destinada a promover o respecto ós animais e o seu benestar, así como a promover as adopcións.

Neste sentido, desde o CAAN lembran que a adopción é unha das mellores fórmulas para as persoas interesadas en ter e coidar un animal.

O propio centro facilita a adopción de forma totalmente gratuíta, premiando a decisión de adoptar fronte á de comprar un animal. Os animais adoptados no CAAN son entregados ós seus novos propietarios desparasitados, vacinados e identificados co correspondente microchip.