Adopción >> Historia Detalles

O CAAN denuncia o maltrato dos animais

O CAAN denuncia o maltrato dos animais

O Centro de Acollida e Protección Animal da Armenteira denuncia o incremento do número de casos de maltrato dos animais e de actuacións irresponsables por parte dos propietarios, tal e como pode constatar polo estado no que moitos dos animais recollidos chegan ó Centro, seriamente enfermos, lesionados e, incluso, envelenados.

Desde a súa entrada en funcionamento, este Centro, dependente da Deputación de Pontevedra, exerce un destacado labor social tanto coa recollida e o coidado dos animais abandonados nas rúas dos concellos da provincia, e coa promoción de condutas responsables e das adopcións, coma coa denuncia dos casos de maltrato que percibe.

Unha boa mostra deste compromiso do CAAN co benestar dos animais son, precisamente, os casos de animais maltratados que chegan ó Centro e que son recuperados grazas ós coidados e ás atencións do persoal.

Estes son algúns exemplos:

Lidia. Pastora alemá, de 4 anos de idade, que foi recollida de forma urxente o día 27 de decembro de 2013 en Salvaterra de Miño, despois de ser atropelada e abandonada na estrada. Á súa chegada ó Centro puido constatarse unha fractura de cadeira e múltiples complicacións a consecuencia do impacto, que hoxe son auga pasada para ela xa que se encontra totalmente recuperada á espera de atopar un novo fogar en breve.

Kurt. Macho de Golden Retriever, duns tres anos de idade, que foi recollido o 7 de decembro de 2013 en Lalín cun lazo, empregado para a caza furtiva, incrustado no pescozo e outro na pata esquerda. A súa captura foi extremadamente difícil posto que se atopaba vagando polas zonas rurais da parroquia de Meixome, e a dor que lle producía a presenza dos lazos de aceiro incrustados no corpo era tal que evitaba calquera contacto, mantendo grandes distancias coa xente. Esta captura foi posible grazas á destreza, dedicación e constancia da Asociación Protectora Peludos sen Fogar de Lalín.

Á súa chegada ó Centro foi necesario intervilo cirurxicamente para retirarlle os lazos de aceiro e, unha vez curadas as feridas, foi imprescindible a rehabilitación da pata posterior esquerda pois estaba totalmente atrofiada pola ausencia de uso durante meses. Despois de ser totalmente recuperado e socializado no Centro, xa atopou un novo propietario.

Manijo. Mestizo de 7 anos que foi recollido o 24 de xaneiro de 2014 en Mos, na A-55, despois de ser atropelado. Presentaba unha fractura completa da pata esquerda dianteira. Precisou dunha intervención cirúrxica, pero hoxe recupérase da súa lesión no CAAN. Coma o resto dos animais que están no Centro, busca un fogar.

María Ánxeles. Cadela mestiza, de ano e medio de idade, que foi recollida o 29 de xaneiro de 2014 na parroquia de Louredo, en Mos, con síntomas evidentes de envelenamento. Á súa chegada ó Centro foi tratada de forma urxente e conseguiu estabilizarse nun par de horas. A súa recuperación é lenta e mantense ingresada, xa que o veleno afectou o seu sistema nervioso e hepático, producíndolle moitos danos, pero afortunadamente, a día de hoxe, atópase moito mellor e a súa analítica sanguínea reflicte un retroceso evidente nos danos causados. En breve agárdase que a súa recuperación sexa total e poida ser adoptada.

Historias coma estas son protagonistas día a día no Centro de Acollida e Protección Animal da Armenteira, cuxos traballadores non só se implican no coidado e a atención dos animais senón na denuncia e persecución do delito, realizando unha media de seis denuncias mensuais entre os casos de abandono constatado, casos de maltrato ou mesmo polo uso de velenos no medio natural.

Calquera persoa interesada en adoptar no CAAN pode visitar o Centro, consultar a páxina www.caan.depo.es ou chamar por teléfono ó número 608 975 326, onde será puntualmente informada.

Lembremos que a adopción non representa ningún custo para o interesado e que os animais adoptados no CAAN son entregados ós novos propietarios desparasitados, vacinados e identificados co microchip.