Adopción >> Historia Detalles

A ADOPCIÓN FRONTE Á COMPRA

SE VAS ADOPTAR UN ANIMAL DEBERÍAS SABER QUE...

A ADOPCIÓN É UN ACTO DE XENEROSIDADE E RESPONSABILIDADE COS ANIMAIS E COA SOCIEDADE

  • Melloras o benestar e a calidade de vida dun animal abandonado
  • Contribúes a reducir o número de animais abandonados
  • Favoreces a educación responsable da cidadanía e, en especial, da xente nova
  • Reduces os custos de adquisición do animal e de mantemento de refuxios e protectoras
  • Para ter garantías de que a adopción se realiza de forma legal poderás solicitarlle ao establecemento onde queres adoptar a correspondente autorización como "Centro de recollida de animais abandonados"

POR QUE NON CRIAR?

Os cans e gatos reprodúcense de xeito natural, respondendo a un instinto de adaptación e supervivencia da especie. Por outra banda, son especies cunha alta capacidade reprodutiva, poden chegar a parir un gran número de crías ao longo da súa vida se non se realiza ningún tipo de control e/ou medida preventiva por parte das persoas propietarias.

A maioría das e dos propietarios que crían coas súas mascotas fano con boa intención para aumentar a familia e darlle compañía ao animal. Non obstante, o elevado número de cans que nacen de cada camada (de 3 a 9 cachorros de media, segundo as razas) fai moi complicado atopar un fogar axeitado para cada un deles; por iso, en moitas ocasións, son cedidos sen control ningún, entregados nalgunha protectora, introducidos nos canles de venda ou incluso abandonados directa ou indirectamente na rúa. Deste modo, non só se reducirán as posibilidades de supervivencia destes cachorros, senón que moitos deles terán que pasar meses ou incluso anos agardando seren adoptados por unha familia responsable.

Esta práctica, ademais das consecuencias directas sobre o abandono, tamén ten unha in¿uencia indirecta negativa sobre a adopción: redúcese o numero de animais adoptados en favor de animais criados nas casas e cedidos de xeito irregular

A Lei 4/2017, de 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañíade Galicia prohíbe a cría incontrolada destes animais

Desde o 11 de xullo de 2019 os cans adoptados en idade reprodutiva terán que entregarse debidamente esterilizados. Non obstante, é necesario que a poboación se conciencie para tomar medidas preventivas que eviten a reprodución incontrolada dos cans e gatos que foron adoptados previamente ou que se adquiriron por vías diferentes ás da adopción

MEDIOS DE CONTROL DA REPRODUCIÓN

Para o control da reprodución existen diferentes métodos tanto para machos coma para femias. Os máis recomendados, polas súas vantaxes, son os cirúrxicos. Os métodos químicos son menos empregados, dado o seu carácter temporal e os seus efectos secundarios.

Á hora de decidir o método de control de reprodución da túa mascota, consulta a túa veterinaria ou veterinario.

VANTAXES

Vida máis saudable para o teu animal. Algúns métodos cirúrxicos permiten prever infeccións e tumores xenitais. No caso das femias, ademáis, evítanse patoloxías coma a pseudoxestación, e tamén se observaron efectos preventivos fronte a tumores mamarios de carácter maligno.

Mellora da convivencia. A esterilización evita condutas reprodutivas que resultan molestas para outros animais e persoas.

Maior seguridade. Tamén se poden evitar condutas perigosas para os animais, coma as fugas ou as pelexas. Nalgúns casos, a esterilización reduce, ademáis, as condutas agresivas.

Redución do abandono. A esterilización é o método máis efectivo para evitar xestacións non desexadas e, en consecuencia, o abandono de cachorros.

Incremento das taxas de adopción. A eliminación das camadas non desexadas reduce o número de animais entregados de xeito irregular entre particulares e tamén o número de animais en adopción, o que lles dá máis oportunidades aos animais que están en refuxios e centros de recollida.

Máis económico. Aínda que inicialmente a esterilización cirúrxica pode supoñer un desembolso económico para a persoa propietaria, a longo prazo supón un importante aforro, tanto no que se re¿re á cría e ao mantemento dos cachorros nacidos coma aos gastos veterinarios asumidos no tratamento de enfermidades que son previdas na esterilización.

Consulta a túa veterinaria ou veterinario sobre os métodos de esterilización existentes, os pros e contras de cada un deles e a súas recomendacións


"Posto", o avó do CAAN, atopa un novo fogar en reino unido despois de catro anos no centro

Adopcion de Posto avo do CAAN

Unha das saídas máis agardadas no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) é por fin unha realidade. "Posto", o can que máis tempo levaba nas instalacións da Deputación na Armenteira, desfruta xa dun novo fogar tras ser adoptado por unha familia de Cardiff (Gales). Este Sttafordshire Terrier fora recollido en Redondela en xullo do ano 2018 cando era un cachorro e foron múltiples os chamamentos para a súa adopción por parte da presidenta provincial, Carmela Silva, despois de que no pasado 2021 puideran abandonar o centro os cans e cadelas de maior idade.

A adopción do can foi posible grazas á mediación dunha rede de persoas voluntarias que xa teñen colaborado co CAAN noutras ocasións e que manteñen contacto cunha das fundadoras, galega e afincada en Reino Unido, da asociación británica Five Circles Dog Rescue. Grazas a ela atopouse fogar para "Posto", cuxa saída do centro tiña a priori máis dificultades xa que en España a súa raza está catalogada como potencialmente perigosa. Non ocorre o mesmo nas illas británicas, e o can está xa no seu novo destino e coa súa nova familia en Gales, onde viaxou a pasada Semana Santa. "É un animal  moi vital –destaca unha das colaboradoras-  e estamos felices de que por fin teña conseguido un bo fogar. Leva só uns días en Cardiff, pero está a adaptarse moi ben".

A saída de "Posto" leva consigo outra boa nova, que é xa non hai no CAAN animais que leven no centro máis de dous anos, no marco do obxectivo da Deputación de que os cans e cadelas pasen o menor tempo posible nas instalacións e acaden a súa adopción. Neste momento, os cans máis veteranos son "Solo" e "Pasalo", ambos cunha idade de oito anos e que están acollidos desde o 2020, cando foron recollidos en Marín e Sanxenxo respectivamente. No que se refire ao animal de maior idade, é a cadela "Puri", que conta con once anos e fora recollida no concello do Porriño. A adopción destes cans é agora a prioridade que se marca a institución provincial.

Amais, a marcha de "Posto" vén referendar tamén o excepcional arranque de ano do CAAN no que atinxe ás adopcións, seguindo a liña dos últimos anos. Deste xeito, desde o 1 de xaneiro tramitáronse xa un total de 184, todas elas en territorio nacional e a maioría en Galicia (153), seguida por Castela e León (28), Madrid (1), Comunidade Valenciana (1) e Asturias (1). Das formalizadas na comunidade, 134 adopcións foron na provincia de Pontevedra, 8 na Coruña, 8 en Lugo e 3 en Ourense.

O concello con máis adopcións de momento é Vigo (25), seguido de Pontevedra (15), Meaño (8), Marín (7), Gondomar (6), Portas, Cangas e Vilagarcía (5) e A Estrada e Sanxenxo, con 4. Desde o 2015 son xa máis de 3.000 as adopcións acadadas polo CAAN, das que 660 foron o pasado 2021 e que supuxeron o récord anual do centro.

Oia, novo concello adherido

Ao CAAN están adheridos xa 51 concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes, trala recente incorporación de Oia a este servizo que ofrece a Deputación para a recollida e acollemento de animais. Oia súmase deste xeito a Agolada, Campo Lameiro, Crecente, Fornelos, Lalín, Mondariz, Nigrán, Portas, O Rosal, Tomiño, Arbo, A Cañiza, Cuntis, Gondomar, A Lama, Mondariz-Balneario, Pazos de Borbén, O Porriño, Salvaterra, Valga, Baiona, Catoira, Dozón, O Grove, Marín, Moraña, Ponte Caldelas, Redondela, Sanxenxo, Vila de Cruces, Barro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, A Guarda, Meaño, Mos, Ponteareas, Ribadumia, Silleda, Vilaboa, Caldas de Reis, Covelo, Forcarei, A Illa, Meis, As Neves, Pontecesures, Rodeiro, Soutomaior e Vilanova de Arousa.


A historia de Eko e Mía

A historia de Eko e Mía

Inmaculada Fernández e Alba Rodríguez son dúas das máis de 200 persoas da comunidade que neste 2021 apostaron por levarse ao seu fogar animais do CAAN da Deputación de Pontevedra. A primeira, residente en Vigo, adoptou a "Mía" o pasado 12 de abril, mentres que Alba, que vive en Ribeira, levouse consigo a "Eko" o 18 de maio. A pesares do curto período de tempo transcorrido, ambas coinciden en que xa son inseparables dos seus novos compañeiros de vida e así o manifestaron nas mensaxes de agradecemento e recoñecemento que enviaron ao CAAN, nas que contan a nova andaina destes animais.

Alba escribiu para falar do ben que se está a adaptar "Eko". Conta que xa tiña unha cadela adoptada, "Inca", e foi precisamente ela a que "elixiu" ao seu novo compañeiro de xogos cando Alba e ela visitaron o centro da Deputación, cuxa referencia chegoulle a través das redes sociais. "Estaba tranquilamente tombado no canil e comprobamos que á nosa cadela era o que máis lle gustaba –conta a ribeirense-. Así que decidimos que ía ser el". Esperaron unha semana xa que acababa de ser esterilizado e Alba sinala que o proceso produciulle á vez "felicidade e tristeza": "felicidade porque tiña a oportunidade  de sumar un membro á familia e tristeza porque todos e todas se merecen un fogar onde os queiran e os coiden para sempre".  Engade que "Eko" acostumouse ao seu novo fogar enseguida: "Adaptouse perfectamente, amosaba cercanía e moi bo carácter –explica-. A miña parella e máis eu estamos encantados coa decisión que tomamos e de telo con nós. En realidade, rescatar a un ‘peludo' é facer un rescate mutuo e coidar a quen te coida debería ser un mandamento. Eles che van coidar incluso mellor que ti a eles".

Alba recomenda plenamente a adopción e, amais de sinalar que os trámites no CAAN son moi sinxelos e os animais saen esterilizados e vacinados, comenta que adoptar un can ou cadela adultos "é unha experiencia moito máis agradecida e enriquecedora que facelo cun cachorro. Os animais de máis idade teñen coñecido o abandono e seguramente haxan vivido experiencias de malos tratos e lles custe poder confiar nas persoas de novo". "Adoptar é unha grande responsabilidade, pero paga a pena, os animais agradéceno diariamente e acaban sendo un complemento imprescindible da nosa felicidade –apunta-. E creo que a forma máis adecuada de facelo é a través dunha protectora ou centro e elixíndoo polo carácter que creas que máis te complemente".

Para Inmaculada Fernández, de Vigo, a de "Mía" é a súa primeira adopción. Foi escribir en Internet "adoptar un can" e saíulle a referencia do CAAN, de xeito que tras revisar a súa web tiña en mente levarse un animal que non era "Coca", pero todo cambiou en canto a tivo entre as súas mans. "Eu quería un can pequeno, tamaño gato, porque precisamente teño gato –sinala-, e na foto da web parecíame que tiña cara de mala leite. Pero cando ma trouxeron, dixen ‘é Mía'. Era pequena, preciosa, e estaba moi asustadiña. É realmente un amor. Nunca coñecera a unha cadeliña tan boa e agarimosa. Estou moi satisfeita de dar o paso da adopción e se puidera levaríame algún máis do centro".

A cadela ten cinco anos de idade, porque Inmaculada tamén tiña claro que quería un animal adulto. "Quería unha avoa, porque os adultos teñen máis difícil a adopción –indicou- e por iso quería sacar do centro a un can ou cadela maior". Nunha mensaxe remitida ao CAAN, Inmaculada conta que aínda que "Mía" ten algo de medo, especialmente cando camiña pola cidade, está a adaptarse moi ben "e está moi feliz en contenta, sobre todo cando a levamos a pasear polo campo". "Pero na cidade, cando por exemplo pasamos diante dunha terraza dunha cafetería, quédase petrificada no chan –engade-. Ten medo sobre todo aos homes adultos pero espero que vaia recuperándose e en tan só mes e medio os avances son moitos". Inmaculada tamén amosa o seu recoñecemento á labor desenvolvida desde o centro, e destaca o feito de que "o animal chega desparasitado, esterilizado e vacinado". "Ogallá máis xente se anime a adoptar en lugar de mercar unha mascota –conclúe-. Hai moitos animais esperando a que alguén lles queira"


A historia de Cabo

A historia de Cabo

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra suma unha nova historia con final feliz. É a de "Cabo", un can de 11 anos de idade que despois de ter sido rescatado hai dous meses dun acantilado en Sanxenxo e da súa posterior recuperación nas instalacións da Armenteira, encontrou un novo fogar da man de Miguel Fernández, veciño tamén de Sanxenxo. Dáse a circunstancia de que Fernández chamara xa ao CAAN nada máis coñecer a noticia do rescate de "Cabo" para interesarse pola súa adopción e ten esperado ata o seu completo restablecemento para levalo consigo.

"Cabo" fora rescatado nunha laboriosa operación polo persoal do Servizo de Emerxencias de Sanxenxo o 20 de marzo nun acantilado na praia das Cabezas, en Punta Faxilda, na parroquia de Noalla, e presentaba varias feridas, a máis grave delas na cabeza, que lle provocou unha lesión cerebral e a parálise das extremidades, alteración nos reflexos oculares e propioceptivos. No CAAN foi tratado e recuperou progresivamente a súa mobilidade, sen que lle queden secuelas da lesión cerebral. Tan só presenta unha coxeira, consecuencia dunha artrose no cóbado. O can goza xa no seu novo fogar, no que comparte espazo con outro can e unha cadela e, segundo o seu novo dono "está a adaptarse moi ben". Miguel conta que lle impactou a noticia cando a leu e decidiu entón que quería darlle "un final feliz" a "Cabo", que con 11 anos de idade e coa súa artrose ía ter máis dificultades para saír adoptado. "É un can moi tranquilo e moi bo", destaca.


Os cachorros rescatados en Valga

Cachorros rescatados en Valga

A súa ten sido unha adopción en tempo récord. O luns 26 de abril os seus nomes entraban na web do CAAN na lista cans e cadelas listos para ser adoptados e o mércores 28 os sete preciosos cachorros que o persoal do centro rescatara en febreiro con tan só un día de vida nun monte en Valga xa tiñan atopado un novo fogar.

As catro cadelas, "Flor", "Florina", "Florita", "Floriña" e os cans "Flo", "Florito" e "Florín", foran encontrados abandonados no monte nunha situación crítica, pero nestes dous meses e medio recuperáronse perfectamente e despois da súa vacinación, xa estaban listos para saír das instalacións. O mesmo luns, día en que os seus nomes se colgaron na web, dous deles, "Florín" e "Flo" xa viaxaron coas súas novas familias a Meaño e Pontevedra respectivamente. Un día despois, o fixeron catro dos seus irmás e irmáns: "Florita e "Florina" saíron do CAAN cara a Pontevedra, mentres que "Florito" e "Flor" foron trasladados a seus novos fogares en Ponteareas e o concello coruñés de Oroso respectivamente. Xa o mércores 28 abandonou o centro a última da camada,"Floriña", que xa vive no seu novo fogar en Redondela. Coas súas adopcións, xa son máis de 250 as acadadas no que vai de ano polo CAAN da Deputación.


A historia de Muti

Muti

Seguen as boas noticias desde o Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación de Pontevedra. "Muti", unha cadela mestiza de seis meses que fora recollida hai dous meses no concello de Caldas de Reis nunha situación moi delicada e que foi recuperada no CAAN, acaba de atopar un novo fogar, sendo adoptada por unha familia de Vigo.

"Muti" entrara no centro o 15 de novembro tras ser rescatada na parroquia de Godos do municipio caldense. Tiña unha fractura aberta nivel do cóbado esquerdo, con infección e míase (debido a que levaba tempo coa lesión), ademais de varias feridas repartidas por todo o corpo. Estaba chea de parasitos e moi delgada. O persoal veterinario do CAAN tivo que amputarlle a extremidade debido á gravidade da fractura. E despois puxeron a "Muti" a tratamento, a desparasitaron e vacinaron.

Unha vez recuperada foi esterilizada e identificada con microchip, e esta mesma semana foi adoptada por unha familia de Vigo onde xa ten o seu novo fogar. Con "Muti" son xa once os cans e cadelas do centro de acollida da Deputación que foron adoptadas no que vai deste primeiro mes do 2021.

Hai que lembrar que as adopcións no CAAN da Deputación son gratuítas e o persoal sempre asesora ás persoas interesadas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Tanto para visitar o centro como para formalizar as adopcións hai que solicitar cita previa no teléfono 986 140 360. Os animais saen do centro vacinados, con chip, desparasitados e esterilizados.


A historia de Rulo

a historia de rulo

"Rulo" é un precioso exemplar de bulldog francés que leva desde outubro de 2019 no Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra. Fora rescatado en Redondela xunto a unha cadela boxer, "Rua", en lamentables condicións e con risco de perder a vida por unha situación de maltrato. Neste senso, o Seprona comisara os animais ao seu dono, a quen se instruíra unha denuncia por abandono que aínda está pendente de resolución xudicial.

O bulldog, ao igual que a boxer, se estaba a recuperar perfectamente no centro de acollida da Deputación pero nos últimos meses detectáraselle unha hernia discal, unha doenza habitualmente asociada á súa raza, que ameazaba con deixarlle severos problemas de mobilidade, polo que o persoal do CAAN decidiu abordar unha intervención cirúrxica. A operación levouse a cabo hai uns días e resultou satisfactoria, malia que aínda é pronto para saber se o seu grao de recuperación vai ser do cen por cen. De momento Rulo xa comezou a traballar nos exercicios de fisioterapia e segue a evolucionar favorablemente.

Á historia de "Rulo" aínda lle quedan pasos para ter un final completamente feliz. A súa futura posta en adopción depende aínda da decisión xudicial no proceso que se abrira contra o seu dono, xa que ata o momento o animal está só en réxime de custodia polo Centro da Deputación e é necesario que a sentenza declare o seu estado de abandono como trámite previo para que poida comezar a busca dun novo fogar. Ata entón, recibe os mellores coidados por parte do persoal das instalacións da Armenteira.


A historia de Ánxela e Mara

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra recolleu dúas crías de cadela abandonadas nun colector do lixo en Cuntis con apenas dous días de vida e sen alimentar. Foi o persoal de limpeza do citado Concello quen encontrou os animais en condicións críticas cando realizaba o seu servizo e lle deu aviso a Protección Civil de Cuntis, que trasladou as cadeliñas á súa base, onde foron recollidas polo persoal do CAAN.

As crías, de cor negra e mestizas, que foron bautizadas no centro como Ánxela e Mara, recupéranse agora coa axuda de Rula, outra cadela do centro que as adoptou e que as está a aleitar. O persoal do CAAN destacou que Rula está a aceptar moi ben as pequenas crías, que van evolucionando favorablemente, aínda que son moi débiles debido a que non se alimentaran desde o seu nacemento. Desde o centro da Armenteira destacan que o aleitado é a mellor forma de cría para estes primeiros momentos, aínda que se os cachorros non gañan peso complementarase a alimentación con biberóns. Se a recuperación vai adiante, o CAAN esperará a que cumpran 45 días para vacinalas e poder logo ofrecelas en adopción.


A historia de Bertin

A historia de Bertín é a dun máis das moitas cadelas e cans que seguen a ser abandonados, Chegou ao CAAN sendo un cachorro, con apenas un mes de vida, o 11 de abril do 2013, tan só tres días despois da apertura do centro dependente da institución provincial. Este mestizo apareceu abandonado, aínda que en bo estado de saúde, na praza maior do municipio das Neves, e o propio Concello foi quen avisou o CAAN. Na Armenteira entrou como o can número 14 e, se ben ao principio era asustadizo e desconfiado, na actualidade ten moi bo carácter, segundo destaca o persoal do centro.

Seis anos despois, a historia de Bertín, o avó do CAAN, por fin ten un final feliz. Este mestizo xa goza do seu novo fogar en Cerdedo-Cotobade, onde foi trasladado esta mesma tarde polo persoal do centro despois de pasar os seus primeiros seis anos de vida nas instalacións da Armenteira.


A historia de Salo

Salo entrou no centro o 18 de setembro tras ser recollido nas Muras, en Pazos de Borbén, por unha muller que o atopou na rúa, o levou para a súa casa e o atendeu ata a chegada do persoal do CAAN.

O persoal veterinario encontrou este yorkshire moi afectado pola sarna e co pelo do lombo seco e totalmente pegado pola falta de coidados, o que lle provocara unha pioderma (infección bacteriana), hiperpigmentación e hiperqueratose na pel.

Afortunadamente, hoxe está recuperado da sarna e aínda lle queda sanear a falta de pigmentación no pelo na súa parte dorsal, pero xa está en condicións para ser adoptado.