Xestión >> Outras actuacións

Outras actuacións

O elevado número de casos de abandono e a redución de medios ocasionan que os esforzos na loita contra o abandono animal se centren fundamentalmente na prestación do servizo de recollida de animais abandonados e no seu coidado e tratamento, sen pasar para tentar resolver as causas do problema.

Neste sentido é importante a anticipación de medidas e políticas de xestión para que, progresivamente, se vexa reducida a súa presentación, que, segundo as asociacións e organismos internacionais de maior prestixio, deberán basearse fundamentalmente en:

 

  • Identificación animal
  • Control de poboacións, mediante a esterilización de animais
  • Campañas de sensibilización dirixidas a diferentes colectivos
  • Formación para a mellora do control e da vixilancia da identificación animal
  • Persecución e seguimento das infraccións por abandono e maltrato dos animais


O CAAN está ideado para recoller, manter e coidar os animais abandonados, pero tamén aspira a achegar medidas que reduzan a incidencia do abandono:

  • Identificación dos animais

    A identificación dos cans maiores de tres meses é obrigatoria en Galicia desde o ano 2003, pero dez anos despois estímase que máis da metade dos animais da nosa Comunidade non están correctamente identificados. Sen dúbida, a identificación animal representa a medida máis importante para a súa protección e benestar; constitúe o elemento fundamental para poder constatar a propiedade e a responsabilidade sobre el. A maiores, a identificación facilita infinidade de información que pode ser empregada para o seguimento da poboación animal, das súas tendencias e da influencia bidireccional coa poboación humana. Por todos estes motivos, todos os animais que se entreguen en adopción no CAAN serán previamente identificados e incluídos no Rexistro de establecemento de animais domésticos e salvaxes en catividade de Galicia.

  • Control de poboacións

    As actuacións dirixidas ó control de poboacións caninas inflúen especialmente na redución do número de camadas inesperadas e/ou non desexadas e, en menor medida, facilitan a convivencia de propietarios, mascotas e mesmo veciños, favorecendo así a adopción e acollida de animais abandonados. A esterilización de animais nos centros de recollida supón a maiores unha medida para o seu benestar: redución importante do estrés que soportan e das pelexas e enfrontamentos que poida haber entre eles. Por este motivo, desde o CAAN impulsarase a esterilización dos cans acollidos no centro. Igualmente, desde o CAAN recoméndase a todos os propietarios de cans e gatos que impidan a reprodución non desexada da súa mascota, buscando no seu veterinario recomendacións específicas.

  • Campañas de sensibilización dirixidas a diferentes colectivos

    A realización de campañas de sensibilización orientadas ó fomento da tenza responsable e ó respecto polos animais constitúe unha ferramenta cun gran potencial que, orientada correctamente sobre certos colectivos, pode ofrecer grandes resultados a medio prazo. Desde o CAAN desenvolveranse actividades de educación dirixidas a grupos escolares, tanto para aqueles que poidan achegarse a realizalas no centro coma para os que non poidan desprazarse. As unidades didácticas que compoñen estas actividades están deseñadas sobre dous piares fundamentais: a tenza responsable de animais e a convivencia entre animais e persoas. A maiores, aqueles que visiten o CAAN realizarán algunha actividade que os vencelle co centro e cos cans abandonados. Por outra banda, mediante un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, os alumnos de último curso da Facultade de Veterinaria que o desexen realizarán estancias no centro, participando activamente nas tarefas de atención dos animais e na divulgación do traballo realizado. O labor do veterinario clínico como técnico profesional para o asesoramento e divulgación de información ós propietarios dos animais é indispensable.

  • Formación para a mellora do control e vixilancia da identificación e do benestar animal

    O CAAN conta con persoal técnico especializado que lles prestará asesoramento a aqueles concellos da provincia que o precisen. En concreto, o centro está deseñando unhas xornadas dirixidas a técnicos municipais e axentes locais, nas que se indagará no control e vixilancia da identificación e do cumprimento do benestar dos animais domésticos presentes nos seus respectivos concellos, tratando de intensificar estes controis e os seus resultados. Este tipo de xornadas estarán dirixidas nunha segunda fase a outros axentes implicados na protección animal, como son os veterinarios clínicos e as asociacións protectoras.

  • Persecución e seguimento das infraccións por abandono e maltrato animal

    A saturación de moitos centros de recollida e asociacións protectoras é consecuencia de actitudes irresponsables que non deben de ser admitidas pola sociedade actual. Os infractores deben asumir as consecuencias das súas accións, que non son xustificables. Cométense tamén infraccións relativas a cans potencialmente perigosos, cans maltratados fisicamente ou outras que derivan en responsabilidades no caso de accidentes, danos ou mortes producidas como consecuencia das neglixencias do propietario dun animal, dos que se ten constancia fundamentalmente polos servizos de recollida. Neste marco o CAAN practicará as denuncias correspondentes ós casos recibidos no centro, perseguindo así actos irresponsables e penados pola normativa actual.

  • Recompilación de información e elaboración de informes

    Desde o CAAN realizarase un importante labor de recompilación de información para o seu posterior tratamento e elaboración de informes que permitan analizar a evolución do abandono, a eficacia das medidas desenvoltas e o deseño de novas iniciativas mais efectivas.