Adopción >> Historia Detalles

"Eu non ía buscando un can, pero a historia de Paloma cruzóuseme no camiño"

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) dependente da Deputación de Pontevedra acadou unha adopción das máis relevantes da súa historia. Unha veciña de Santiago, Rocío Castro, fíxose hoxe cargo de Paloma, unha cadela recollida en setembro de 2017 logo de ser atropelada e recuperada das graves lesións que padecía e polas que se temía pola súa vida. A nova propietaria, ademais de participar no rescate da cadela, estivo sempre pendente da súa evolución e, a pesares de que aínda a día de hoxe ten importantes secuelas do incidente, decidiu que se ía facer cargo dela desde o primeiro momento.

"Eu non ía buscando un can, pero a historia de Paloma cruzóuseme no camiño", di Rocío. A nova propietaria explica que ela vive en Santiago e que un sábado de setembro ía cara a Bueu cando na estrada PO-313 atopou a unha rapaza chorando nunha cuneta. Parou para saber o que acontecía e viu que o desasosego da moza debíase a que había un can atropelado, escuálido, sangrando, tirado no chan pero aínda vivo. "Como son moi sensible púxenme moi nerviosa. A rapaza contounos que avisara aos veciños e que non lle fixeran caso. Sabían que o can fora atropelado ás 12 da noite do día anterior e eran as dez da mañá do día seguinte. Vírono e deixárono sufrir durante toda a noite!. Non entendo como podían coñecer a situación e non reaccionar!", protesta Rocío, que lembra que a rapaza avisara á Policía de Marín, que finalmente trasladou unha patrulla ao lugar e fíxose cargo do animal.

"Eu marchei e quedei cunha sensación fatal porque non sabía que ía pasar co can. A través de Facebook e das redes sociais dinme de alta en varias asociacións da zona e, grazas a Cadeliños souben que o levaran ao CAAN da Deputación, que eu non sabía que existía. A partir de aí estiven en contacto sempre. Púxenme a disposición para pagar o que fose necesario. Estaba a ver se sobrevivía, porque tivo moitas operacións, pero eu sempre dixen que estaba disposta a adoptar. Sabía das secuelas da cadela –ao primeiro non sabía que era femia–, que para min eran impactantes… Pero non facerme cargo dela non era unha opción", asegura Rocío.

A nova propietaria foi coñecendo da man dos veterinarios do CAAN a evolución nos últimos meses de vida de Paloma, que estiveron cheos de sufrimento. O animal tiña un prognóstico moi malo cando chegou ao centro da Deputación. Tiña alteracións na columna polo atropelo, fractura de cadeira e cóbado, así como moi pouco peso por non estar atendida, e pulgas e carrapatas que facían que a súa pel estivese en moi mal estado. Non tiña microchip e non foi reclamada por ninguén.

Tivo que pasar catro cirurxías. Unha delas moi complexa –fóra do CAAN, que non dispón de medios para neurocirurxía– para intentar estabilizarlle a columna vertebral, que tiña desprazada, outra cirurxía de cadeira e dúas de cóbado, a última hai dúas semanas. Finalmente a súa recuperación avanzou mellor do previsto. Grazas á rehabilitación foi capaz de volver a ter mobilidade e recuperou reflexo anal, non así o reflexo da vexiga (non controla o pis), que tampouco é posible que conteña no futuro.

"Agora o seu prognóstico non é malo e coa recuperación que tivo en só catro meses estamos súper orgullosos. Fixemos un plus de esforzo e nas últimas semanas coa fisioterapia conseguimos moitos avances: ten máis sensibilidade, mobilidade e reflexos. Ten as secuelas mínimas que podería ter dado o accidente que sufriu", explica Jose Luis, un dos veterinarios do CAAN, que engade que agora Paloma ten en Rocío unha persoa suficientemente sensible para aceptar os seus problemas e aínda así adoptala. "Esta é, se cabe, unha das adopcións máis importantes na historia do CAAN desde que abriu, xa que ademais da dificultade de recuperar a saúde da cadela polo seu mal estado, ao final ten unha familia á que lle importa e se fai cargo dela sen ter en conta as súas secuelas para darlle unha mellor vida", asegura.

Rocío agardaba hoxe o seu encontro con Paloma no CAAN da Armenteira con ilusión. Desde setembro non vía á cadela, da que non podía esquecer a súa mirada o día en que a atopou na cuneta. "Agora eu tratarei de coidala o mellor posible. É mellor que estea cunha familia que nun centro, aínda que a coiden moi ben. Ogallá que se atope cada día máis recuperada", subliña, para insistir en que "non era unha opción para min mirar para outro lado e non adoptala". Finalmente, o achegamento entre ambas estivo cheo de sorrisos e aloumiños por parte de Rocío, e dunha mirada agradecida e cariñosa, deixándose querer, por parte de Paloma.

O persoal técnico do CAAN lembra que a última campaña de concienciación promovida pola Deputación da man da deputada Eva Vilaverde estivo centrada no maltrato animal co lema ‘Devólvelle a confianza', precisamente para evitar situacións como as vividas por Paloma, tanto polo seu atropelo como polo desinterese mostrado por algunhas das persoas que, logo de saber do seu accidente, non pediron auxilio para ela. Hai que lembrar que o Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación ten un servizo de 24 horas para atender urxencias nos máis de 40 concellos adheridos da provincia.

Así mesmo, é importante destacar que as persoas interesadas en adoptar un can poden visitar o centro da Armenteira ou consultar a páxina web (www.caan.depo.es), onde poden atopar fotografías e datos puntuais de todos os animais que están nas instalacións. Tamén se pode chamar por teléfono ao 986 140 360, onde o persoal do centro facilitará toda a información solicitada. Hai que lembrar que a adopción non supón ningún custo para as persoas interesadas, premiando así a decisión de adoptar fronte a de comprar un animal. Os cans recollidos no CAAN, ademais, son entregados aos seus novos propietarios e propietarias desparasitados, vacinados e identificados.