Xestión >> Centro

O centro

En Galicia o réxime xurídico dos centros de recollida de animais abandonados está regulado pola Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade da Comunidade Autónoma de Galicia e no Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve esta lei.

Neste sentido a Deputación é a actual titular do CAAN, situado no lugar do Busto na parroquia da Armenteira (Meis), en virtude da cesión feita pola Mancomunidade do Salnés e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chan da Fonte e outros (lugares do Busto, Balboa e Vilar, na parroquia da Armenteira).

O CAAN é un referente a nivel provincial porque:

 

  • Non existen outros centros desta natureza e autorizados na provincia
  • Conta cun grande equipamento técnico e de persoal
  • Promove iniciativas para a redución de abandonos
  • Leva a cabo actividades didácticas en centros escolares
  • Ten posibilidades de ampliación para darlles cabida ós animais acollidos

 

O CAAN conta cunha rede de recollida de animais abandonados, que son trasladados ás súas instalacións de Meis. Unha vez no centro os veterinarios e os coidadores encárganse dos seus coidados e tratamentos ata que son recollidos polos seus propietarios. Para aqueles casos nos que o animal é declarado abandonado favorécese a súa adopción, a través de actuacións encamiñadas á súa captación e ó mantemento dunha conduta responsable. Por este motivo a adopción é totalmente gratuíta, baixo un compromiso escrito sobre o axeitado tratamento e coidado do animal.

O persoal do CAAN traballa para paliar as consecuencias do abandono, prestándolles a estes animais as atencións necesarias para garantir as súas necesidades fisiolóxicas. Neste sentido desenvólvense programas de enriquecemento ambiental e de socialización de animais e realízanse estudos e investigacións para afondar no coñecemento do benestar dos animais domésticos.

Sen dúbida, o deseño das accións e o sistema de xestión dos centros de recollida de animais deben estar o suficientemente meditado para responder ás demandas da sociedade, sen descoidar o obxectivo final, que será loitar por reducir o abandono e paliar, na medida do posible, as súas consecuencias. 

Tendo en conta que existen moitos colectivos cunha implicación directa e decisiva sobre o abandono e a protección animal, o modelo de xestión do servizo buscará a implicación e a colaboración de todos estes axentes:

  • Administracións
  • Asociacións protectoras de animais
  • Centros veterinarios
  • Centros universitarios e científicos
  • Cidadáns