Adopción >> Historia Detalles

A historia de Cabo

A historia de Cabo

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra suma unha nova historia con final feliz. É a de "Cabo", un can de 11 anos de idade que despois de ter sido rescatado hai dous meses dun acantilado en Sanxenxo e da súa posterior recuperación nas instalacións da Armenteira, encontrou un novo fogar da man de Miguel Fernández, veciño tamén de Sanxenxo. Dáse a circunstancia de que Fernández chamara xa ao CAAN nada máis coñecer a noticia do rescate de "Cabo" para interesarse pola súa adopción e ten esperado ata o seu completo restablecemento para levalo consigo.

"Cabo" fora rescatado nunha laboriosa operación polo persoal do Servizo de Emerxencias de Sanxenxo o 20 de marzo nun acantilado na praia das Cabezas, en Punta Faxilda, na parroquia de Noalla, e presentaba varias feridas, a máis grave delas na cabeza, que lle provocou unha lesión cerebral e a parálise das extremidades, alteración nos reflexos oculares e propioceptivos. No CAAN foi tratado e recuperou progresivamente a súa mobilidade, sen que lle queden secuelas da lesión cerebral. Tan só presenta unha coxeira, consecuencia dunha artrose no cóbado. O can goza xa no seu novo fogar, no que comparte espazo con outro can e unha cadela e, segundo o seu novo dono "está a adaptarse moi ben". Miguel conta que lle impactou a noticia cando a leu e decidiu entón que quería darlle "un final feliz" a "Cabo", que con 11 anos de idade e coa súa artrose ía ter máis dificultades para saír adoptado. "É un can moi tranquilo e moi bo", destaca.