A ADOPCIÓN FRONTE Á COMPRA

SE VAS ADOPTAR UN ANIMAL DEBERÍAS SABER QUE...

A ADOPCIÓN É UN ACTO DE XENEROSIDADE E RESPONSABILIDADE COS ANIMAIS E COA SOCIEDADE

  • Melloras o benestar e a calidade de vida dun animal abandonado
  • Contribúes a reducir o número de animais abandonados
  • Favoreces a educación responsable da cidadanía e, en especial, da xente nova
  • Reduces os custos de adquisición do animal e de mantemento de refuxios e protectoras
  • Para ter garantías de que a adopción se realiza de forma legal poderás solicitarlle ao establecemento onde queres adoptar a correspondente autorización como "Centro de recollida de animais abandonados"

POR QUE NON CRIAR?

Os cans e gatos reprodúcense de xeito natural, respondendo a un instinto de adaptación e supervivencia da especie. Por outra banda, son especies cunha alta capacidade reprodutiva, poden chegar a parir un gran número de crías ao longo da súa vida se non se realiza ningún tipo de control e/ou medida preventiva por parte das persoas propietarias.

A maioría das e dos propietarios que crían coas súas mascotas fano con boa intención para aumentar a familia e darlle compañía ao animal. Non obstante, o elevado número de cans que nacen de cada camada (de 3 a 9 cachorros de media, segundo as razas) fai moi complicado atopar un fogar axeitado para cada un deles; por iso, en moitas ocasións, son cedidos sen control ningún, entregados nalgunha protectora, introducidos nos canles de venda ou incluso abandonados directa ou indirectamente na rúa. Deste modo, non só se reducirán as posibilidades de supervivencia destes cachorros, senón que moitos deles terán que pasar meses ou incluso anos agardando seren adoptados por unha familia responsable.

Esta práctica, ademais das consecuencias directas sobre o abandono, tamén ten unha in¿uencia indirecta negativa sobre a adopción: redúcese o numero de animais adoptados en favor de animais criados nas casas e cedidos de xeito irregular

A Lei 4/2017, de 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañíade Galicia prohíbe a cría incontrolada destes animais

Desde o 11 de xullo de 2019 os cans adoptados en idade reprodutiva terán que entregarse debidamente esterilizados. Non obstante, é necesario que a poboación se conciencie para tomar medidas preventivas que eviten a reprodución incontrolada dos cans e gatos que foron adoptados previamente ou que se adquiriron por vías diferentes ás da adopción

MEDIOS DE CONTROL DA REPRODUCIÓN

Para o control da reprodución existen diferentes métodos tanto para machos coma para femias. Os máis recomendados, polas súas vantaxes, son os cirúrxicos. Os métodos químicos son menos empregados, dado o seu carácter temporal e os seus efectos secundarios.

Á hora de decidir o método de control de reprodución da túa mascota, consulta a túa veterinaria ou veterinario.

VANTAXES

Vida máis saudable para o teu animal. Algúns métodos cirúrxicos permiten prever infeccións e tumores xenitais. No caso das femias, ademáis, evítanse patoloxías coma a pseudoxestación, e tamén se observaron efectos preventivos fronte a tumores mamarios de carácter maligno.

Mellora da convivencia. A esterilización evita condutas reprodutivas que resultan molestas para outros animais e persoas.

Maior seguridade. Tamén se poden evitar condutas perigosas para os animais, coma as fugas ou as pelexas. Nalgúns casos, a esterilización reduce, ademáis, as condutas agresivas.

Redución do abandono. A esterilización é o método máis efectivo para evitar xestacións non desexadas e, en consecuencia, o abandono de cachorros.

Incremento das taxas de adopción. A eliminación das camadas non desexadas reduce o número de animais entregados de xeito irregular entre particulares e tamén o número de animais en adopción, o que lles dá máis oportunidades aos animais que están en refuxios e centros de recollida.

Máis económico. Aínda que inicialmente a esterilización cirúrxica pode supoñer un desembolso económico para a persoa propietaria, a longo prazo supón un importante aforro, tanto no que se re¿re á cría e ao mantemento dos cachorros nacidos coma aos gastos veterinarios asumidos no tratamento de enfermidades que son previdas na esterilización.

Consulta a túa veterinaria ou veterinario sobre os métodos de esterilización existentes, os pros e contras de cada un deles e a súas recomendacións