Adopción >> Historia Detalles

Persoal do CAAN coida nas súas casas a tres cans que tiñan perigo de morrer sen as atencións axeitadas

Personal del CAAN cuida en sus casas a tres perros que tenían peligro de morir sin las atenciones idóneas

3 de marzo de 2018

O Centro de Protección e Acollida de Animais (CAAN), dependente da Deputación de Pontevedra, sumou outra historia singular: Tres cans, Anxo, Águeda e Antón, conseguiron sobrevivir tras seren abandonados recen nacidos grazas á implicación das e dos traballadores do centro provincial. O persoal, ademais de atendelos durante o día nas instalación da Armenteira, levounos ás súas casas polas noites co fin de que se mantiveran quentes e de darlles biberón cada tres horas durante todo o seu primeiro mes de vida.

A historia dos tres cans e a súa relación co CAAN comezou o catro de xaneiro deste ano. Entón, alguén non identificado deixounos abandonados, xusto despois de nacer, nunha clínica veterinaria de Sanxenxo. Esta alertou á Asociación Peludos Invisibles e o colectivo ao non poder atendelos solicitou tamén a axuda do CAAN, que se fixo cargo.  

Unha vez estiveron no centro da Armenteira, os tres cans, de raza mestiza pequena e cor negra, foron valorados polos veterinarios. Estes certificaron que precisaban atencións especiais dada a súa curta idade: alimentación por biberón cada tres horas e mantemento dunha temperatura corporal axeitada en todo momento, baixo risco de morrer por deshidratación ou frío se as dúas condicións non se cumprían. "Eran necesarios uns coidados continuos, o que motivou que varias persoas do cadro de persoal se ofrecesen voluntarias a levalos para a casa, mantelos quentes e erguerse de noite para darlle de comer. Sabiamos que era a mellor alternativa para que saíran adiante", explicou o veterinario José Luis Pedreira.

Agora, dous meses máis tarde, os cans xa se alimentan por si mesmos e teñen unha moi boa saúde. Dous deles xa atoparon familia de adopción e foron recollidos o pasado xoves e onte venres. Queda un aínda no centro, Antón, que previsiblemente tamén conseguirá fogar en breve xa que, segundo explica Pedreira, os tres animais "están moi sociabilizados ao estar toda a súa curta vida sempre con xente, incluso antes de abriren os ollos".

A deputada responsable do CAAN, Eva Vilaverde, quixo louvar o traballo do persoal do CAAN pola súa intervención máis alá do esixible laboralmente en casos coma este, poñendo a disposición o seu propio fogar de xeito provisional para atender os cans. "Son profesionais que demostran día a día a súa capacidade e valía co traballo que fan no centro da Armenteira, pero é que ademais teñen un grande amor polos animais que lles fai ir máis alá e implicarse de xeito persoal a pesares dos sacrificios que con leva", destacou a nacionalista.