Descrición
As instalacións do CAAN sitúanse nunha parcela cedida pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chan da Fonte e contan cunha superficie total de 9.800 m² e unha superficie construída de 1.505,5 m².
A distribución de estancias responde ó seguinte deseño:
-
Edificio administrativo
Consta dunha sala de atención ó público que tamén funciona como gabinete do veterinario. Ten á súa disposición, ademais, equipos informáticos para xestionar todos os expedientes relacionados co centro. -
Edificio de preparación de alimentos
Esta zona está habilitada para, por unha banda, preparar as racións de alimentos ofrecidas ós animais e, pola outra, almacenar produtos pouco voluminosos e perecedoiros. -
Edificio de persoal e mantemento
Consta dunha zona de aseo común para todo o persoal, unha zona de vestiario para o persoal do centro, unha zona de vestiario para o persoal externo e unha zona de servizos. -
Edificio de almacén
Consta de dúas estancias separadas: estancia húmida, para o lavado e secado de equipamentos, e estancia seca, para almacenar alimento voluminoso, maquinaria e outros equipamentos. -
Estancia de usos múltiples
Sala habilitada para a recepción de grupos, presentacións, obradoiros e actividades. Na aula da natureza organízanse actividades educativas para escolares co obxectivo de fomentar o respecto e o coidado dos animais. -
Estancia de corentena
Zona creada para a estancia dos cans con estado sanitario descoñecido na que son examinados polos veterinarios. Conta cun acceso exterior que impide o paso dos animais ó resto de estancias. -
Estancia de illamento ou lazareto
Estancia destinada ó aloxamento de cans sospeitosos ou confirmados de padecer algunha enfermidade infecciosa ou contaxiosa. Está illada do resto das instalacións e conta cun sumidoiro independente. -
Estancia de hospitalización
Estancia destinada ó aloxamento de animais convalecentes non portadores dunha enfermidade infecciosa, como é o caso de animais operados, feridos ou atropelados. -
Estancia de animais perigosos
Estancias destinadas a animais potencialmente perigosos polo seu comportamento, tanto coas persoas coma cos animais. As instalacións permiten o illamento do animal sen necesidade do contacto directo. -
Estancia de neonatos
Estancias destinadas ó parto e á estadía de cachorros non vacinados. As condicións de illamento impiden o contacto con outros animais, diminuíndo o risco de contaxio dos cans máis novos. -
Estancia estándar de cánidos
Estancias destinadas ó aloxamento de cans adultos ou novos xa vacinados. Constan todas elas dunha zona interior para o descanso e refuxio e dunha zona exterior na que o animal pode circular libremente.